Blogia
Glosobloguia

blogs en galego

Veña, abre o teu blog!

Volvendo a ver blogs. Pois si, é divertido ler a xente que ten ganas de contar as cousas máis insospeitadas. Volvín a visitar Todo nada, o meu blog favorito. E aí segue Ela hoxe coa neve e o frío polar de Lugo. Con moitos máis fans... a xulgar polos comments. É unha sorte ter alguén que escribe coa súa soltura! Que ten opinión, que sabe por onde anda e que se expresa con naturalidade, recortando, pegando, escribindo...
Así que veña, colle un blog, e avísame. Con máis voces a rede será para todos máis habitable!

O aleph

Esta noite relín O Aleph, o conto de Borges incluído no libro publicado baixo ese mesmo nome en 1949. Hai máis de vinte anos que o lin por primeira vez e aí seguía, agardando medio esquecido a ser descuberto de novo.
Literalmente falando, nunca mellor dito, Aleph é o nome da primeira letra do alfabeto fenicio e hebreo. É o antecedente do alfa grego e do noso A. Aínda que Borges poida dicir que é "unha pequena esfera de case intolerable fulgor", podédesme crer, foi só isto o que me levou de novo a el.
Estaba revisando para a clase de Redacción un tema que preparei hai tempo sobre a historia da escrita cando, de súpeto, apareceu o libro entre o labirinto de enciclopedias, libros, folletos e papelada que coleccionara sobre o asunto. Aí estaba Borges, o literato da literatura, o impenitente esculcador de libros e bibliotecas, pedindo ser escoitado de novo.
Non me conto entre os fanáticos de Borges, pero recoñezo a miña admiración pola súa obra. Hai poucos autores do século XX que mostren unha exuberancia intelectual tan orixinal, e que o saiban facer tan xenialmente cos xogos enciclopédicos máis inxenuos.
Borges, adiántase ademais, en moitos sentidos, ós enigmas fantásticos e á misteriosa virtualidade do mundo que agora vivimos, sobrecargado de información e conexións. É se cadra por iso polo que gustou tanto do relato breve. Nalgures deixou escrito a súa teoría da literatura, unha teoría case bloguista:
"Compoñer libros grandes é unha extravagancia laboriosa e empobrecedora. Quen é o que quere desenvolver en cincocentas páxinas unha idea que pode ser perfectamente exposta nuns cantos minutos! Unha mellor maneira de proceder sería pretender que tales libros xa existen, e daquela ofrecer só un resumo, un comentario... Máis razoable, máis inepto, máis indolente, eu sempre preferín escribir notas sobre libros imaxinarios."
Esta é unha nota breve para recordarme da loucura a que todo escritor está exposto. Hainos peores en Conxo?