Non me daba decidido. Podería seguir calado ou poñerme a falar das webs que visitei, pero non farei ningunha das dúas cousas.
Quero comentar o que esta tarde me deixou un pouco revirado.
O caso é que hoxe, despois de meses sen saber nada dun amigo, acabo de falar con el e quería, co voso permiso, denunciar a situación que me expuxo. Non se trata de malos tratos pero si de respecto e dignidade no traballo.
Non se di nalgures que temos dereito a traballar e a ser remunerados?
Pois este amigo meu ten traballo, si, e páganlle todos os meses. Tamén ten nome, claro, pero non vou dalo porque, se puidese, xa me estaría agora cortando por saír na súa defensa. X, que será de agora endiante o meu amigo, é dos que coidan que todo o mundo é ou debería ser quen de defenderse e falar por si mesmo, sen delegacións nin representacións. Comparto esta maneira de pensar así que o que estou escribindo escríboo eu, como é obvio, e non no seu nome. Ou que pensa X, que non hai homes libres no mundo?
X vive nunha cidade diferente da miña e ten os seus gastos e compromisos. O seu traballo non se pode dicir que sexa dos de alto risco, non traballa nunha plataforma petrolífera, nin nun barco en mar aberto, nin construíndo unha central nuclear. X, sen embargo, ponse ás veces malo, coma todo o mundo, e poñamos que dentro de vinte e poucos anos será vello, aínda que o seu espírito siga sendo novo.
Pois ben, o caso de X é que leva máis de 10 anos traballando para unha institución pública. Traballa os cinco días da semana, descansa os sabados e domingos, gaña sobre unhas 150.000 pesetas (non vou dicir exactamente canto), e nunca tivo contrato nin seguro. X ten máis dun fillo (tampouco vou ser exacto), ten coche propio, casa alugada e varias outras comodidades. Case podería darse por contento mais, debo dicilo xa, X comeza a estar un pouco desesperado. Máis ben, desesperado. Non me estraña, son demasiados anos esperando que as cousas mudasen para mellor.
E non mudaron. Eu sei que X xa tentou varias veces razoar cos seus xefes e conseguir o contrato e o seguro...
Sempre lle dixeron que non, que había problemas, que non había cartos...
Que facer? (A isto podedes dar ideas nos comments: ó meu amigo xa se lle ocorreron varias pero
a min danme un pouco de reparo...)
Moitos dirán que hai moita xente en circunstancias semellantes (e certamente peores, case todos os inmigrantes, por exemplo), pero iso a quen pode consolar? A el non e a outros e outras que se cadra están coma el seguro que tampouco.
É unha vergonza que suceda isto, e máis dentro dunha Institución da que non vou dar nome nin señas para non poñer as cousas peor. Eu penso que os seus xefes -que son xente estudada- deberan saber darlle solución a sen-sentido da maneira que non beneficia a ninguén. Saberano facer? Quererano facer?
A ver axudémoslles!
Eu propoño que se alguén recoñece ós señores dos que aquí falo lles faga chegar a miña repulsa? X, please, faino ti, mándalles o enderezo do meu blog e faime algo de publicidade. A ver se desta me fago famoso e entro na Academia!
Ah, e xa sabes, se dá resultado, cómpraslleme algo ós pequenos e débesme unha cea.