Blogia
Glosobloguia

lingüística

Nihil obstat

Todo o que empeza, acaba. Este post, o número 12, é un bo final.
Non hai exercicio que non sexa finalmente inútil. Unha doutrina filosófica é ó principio unha descrición verosimil do Universo; pasan os anos e é un simple capítulo -cando non un parágrafo ou un nome- da historia da filosofía, Na literatura esa caducidade final é aínda notoria. O Quixote -díxome Menard- foi ante todo un libro agradable; agora é unha ocasión de brindes patrióticos, de soberbia gramatical, de obscenas edicións de Luxo. A gloria é unha incomprensión e se cadra a peor.
Isto escribiuno Borges. Cumpriu o seu papel o meu blog? Si, por que non? Se fixésemos caso de Blogaliza sería o 207. Mañá desaprecerá para pasar a formar parte dos 27 mortos. Coma Menard, eu borrarei os seus contidos para que quede o menos rastro posible. Podería explicar as razóns pero a verdade é que non hai razón concreta e podédesme crer.
Ciao, espero vervos ou lervos noutro lado!

O aleph

Esta noite relín O Aleph, o conto de Borges incluído no libro publicado baixo ese mesmo nome en 1949. Hai máis de vinte anos que o lin por primeira vez e aí seguía, agardando medio esquecido a ser descuberto de novo.
Literalmente falando, nunca mellor dito, Aleph é o nome da primeira letra do alfabeto fenicio e hebreo. É o antecedente do alfa grego e do noso A. Aínda que Borges poida dicir que é "unha pequena esfera de case intolerable fulgor", podédesme crer, foi só isto o que me levou de novo a el.
Estaba revisando para a clase de Redacción un tema que preparei hai tempo sobre a historia da escrita cando, de súpeto, apareceu o libro entre o labirinto de enciclopedias, libros, folletos e papelada que coleccionara sobre o asunto. Aí estaba Borges, o literato da literatura, o impenitente esculcador de libros e bibliotecas, pedindo ser escoitado de novo.
Non me conto entre os fanáticos de Borges, pero recoñezo a miña admiración pola súa obra. Hai poucos autores do século XX que mostren unha exuberancia intelectual tan orixinal, e que o saiban facer tan xenialmente cos xogos enciclopédicos máis inxenuos.
Borges, adiántase ademais, en moitos sentidos, ós enigmas fantásticos e á misteriosa virtualidade do mundo que agora vivimos, sobrecargado de información e conexións. É se cadra por iso polo que gustou tanto do relato breve. Nalgures deixou escrito a súa teoría da literatura, unha teoría case bloguista:
"Compoñer libros grandes é unha extravagancia laboriosa e empobrecedora. Quen é o que quere desenvolver en cincocentas páxinas unha idea que pode ser perfectamente exposta nuns cantos minutos! Unha mellor maneira de proceder sería pretender que tales libros xa existen, e daquela ofrecer só un resumo, un comentario... Máis razoable, máis inepto, máis indolente, eu sempre preferín escribir notas sobre libros imaxinarios."
Esta é unha nota breve para recordarme da loucura a que todo escritor está exposto. Hainos peores en Conxo?