Blogia
Glosobloguia

Debord, os territorios e as linguas

Hoxe mencionei a Guy Debord na clase de Redacción. Veu a conto de que unha das alumnas propuxo como exercicio escribir sobre as rúas e as persoas que as transitan. O tema recordoume un dos capítulos de A sociedade do espectáculo, o que aparece encabezado polo epígrafe do Príncipe de Maquiavelo:

"E quen chega a ser Señor dunha cidade acostumada a vivir libre e non a destrúe, que tema ser destruido por ela, porque esta ten sempre por refuxio nas súas rebelións o nome da liberdade e os seus vellos costumes, os cales nin polo paso do tempo nin por beneficio ningún se esquecerán xamais. E por máis que se faga, se non se expulsa ou dispersa ós seus habitantes, estes non esquecerán en ningún momento ese nome nin eses costumes..."

Nese capítulo fálase do territorio, da súa dominación e do acondicionamento a través do que se exerce o dominio. Por iso se fala de rúas e de urbanismo... E de imaxes e de lingua.

"O urbanismo é o método moderno para salvagardar o poder de clase. Lógrase mantendo a atomización dos traballadores que as condicións urbanas de produción conseguiran reagrupar perigosamente. A loita constante que se tivo que soster contra todos os aspectos desta posibilidade de reunirse ten no urbanismo o seu campo privilexiado. O esforzo de todos os poderes establecidos despois das experiencias da Revolución Francesa por aumentar os medios de manter a orde na rúa culminará finalmente na supresión da propia rúa. Cando no seu libro A cidade a través da historia Lewis Mumford describe o que denomina un sistema dunha única dirección, destaca que "coa aparición dos medios de comunicación de masas que eliminan as grandes distancias o illamento da poboación demostrou ser un modo de control moito máis eficaz". Pero a tendencia xeral cara ó illamento, que é a esencia do urbanismo, debe tamén conter unha reintegración controlada dos traballadores baseada en necesidades planificadas da producción e do consumo. A integración no sistema debe conseguir recuperar ós individuos en tanto que individuos illados no conxunto. As fábricas, os centros culturais, os lugares de turismo e as novas urbanizacións están especialmente deseñadas para alimentar este tipo de pseudocomunidade. O mesmo illamento colectivo predomina incluso na célula familiar, onde os receptores de mensaxes espectaculares tentan salvar o illamento a traves das imaxes dominantes, imaxes que adquiren o seu pleno poder grazas a ese illamento."

Debord fala da cidade e das condicións físicas e psíquicas ás que o poder a somete. A cidade non se condiciona só a través do urbanismo senón a través da imposición das imaxes e das linguas dominantes. Repara nas cidades e vilas galegas. Repara na política galega e verás do que Debord está falando. Foi o que os galegos fixemos ou nos fixeron co hábitat o que puxo as linguas que temos na situación en que están. Os príncipes e os estados maquiavélicos, onte coma hoxe, sabíano moi ben. Se conservamos o galego teremos a esperanza da liberdade.

Buscando en Internet atopei esta revista de deseño impecable que fala de Debord en Internet. Está en francés. Os textos traducidos ó inglés e ó español poden lerse gratis nas ligazóns correspondentes. A edición electrónica en francés do ensaio de Debord tamén está dispoñible en Internet.

0 comentarios