Blogia
Glosobloguia

Linguas nais

Hoxe a Unesco festexa o Día Internacional da Lingua Materna. Como son profesor de Lingua pareceume apropiado traer a GLOSOBLOGUIA esta celebración que nos recorda a importancia vital de cada unha das 6000 linguas que aínda se escoitan na Terra.
“Todo o mundo perde cando unha lingua se perde pois se unha lingua desaparece é que a cultura e a nación que a falaban perderon a súa memoria". Este é o epígrafe de Vigdis Finnbogadottir, antigo presidente de Islandia, co que a UNESCO nos alerta do perigo que corren máis da metade das linguas do mundo. "Pois", conclúe o agora embaixador da UNESCO, "se deixamos que isto suceda tamén se resentirá o complexo tapiz co que o mundo está tecido e que fai del un lugar excitante".
O galego, a miña lingua materna, a que falo coa miña familia e amigos, a que ensino na Universidade a publicitarios, tampouco se atopa, segundo un Informe publicado hai tres ou catro anos, no mellor dos mundos posibles.
Dentro da lingüística máis moderna hai unha rama coñecida como "ecoloxía lingüística" ou "ecolingüística" que se ocupa dos problemas das linguas en relación cos medios en que se desenvolven e cos seus falantes pero a última palabra, en calquera caso, terana sempre os seus falantes. Os lingüistas galegos -un pouco despistados, todo hai que dicilo- poderemos examinar as situacións cientificamente e propoñer solucións racionais e alternativas máis ou menos imaxinativas. Sen embargo, só ó conxunto dos galegos, da comunidade que nos tocou habitar este anaquiño de Terra, nos corresponde loitar para que os escuros agoiros non acaben cumpríndose.
Un libro recente, a medio camiño entre o académico e o divulgativo, para quen queira informarse sobre a temática da extinción das linguas e as posibilidades de loitar contra ela é o de David Crystal A Morte das Linguas. Publicouno en galego a Editorial Galaxia."

0 comentarios